Fraseoloxía en galego sobre o tempo meteorolóxico no rexistro coloquial
IES Pedra da Auga (Ponteareas). Curso 2018-19
Materia: Lingua Galega e Literatura
Profesorado: Belén Lagares García e Francisco Lestón Villar
Nivel do alumnado: 2º ESO
Definición da idea: As frases feitas (ou modismos, ou locucións idiomáticas, ou fraseoloxismos) son unidades formadas por dúas ou máis palabras que están fixadas na lingua e que presentan unha lexicalización: o seu significado non é literal, non responde á suma dos seus compoñentes.
Andar coa mosca detrás da orella, bater cos pés no cu, caer chuzos de punta, asarse coma un carneiro ao espeto…
O emprego da fraseoloxía propia dunha lingua na fala coloquial é un claro índice da calidade de uso desa lingua por parte dos falantes. No noso alumnado estamos percibindo cada vez máis a utilización do castelán como lingua do rexistro informal, quedando o galego só como lingua formal para a aprendizaxe de contidos en certas materias do currículo. Pretendemos que os nosos alumnos/as creen rexistros coloquiais en galego partindo de frases feitas relacionadas co tempo meteorolóxico para que a lingua galega forme parte tamén do seu rexistro coloquial.
Obxectivo da tarefa: Enriquecer o rexistro coloquial do alumnado coa incorporación de frases feitas en galego relacionadas co tempo meteorolóxico.
Secuencia das actividades:
☛ Recolleita, por parte do alumnado e coa orientación dos profesores, de frases feitas. A selección farase a partir da súa experiencia persoal («galeguizando» as traducións literais do castelán), consultando aos familiares e botando man de repertorios fraseolóxicos.
☛ Selección de frases feitas.
☛ Creación dun contexto de uso para as frases feitas recollidas.
☛ Selección de imaxes para ilustrar os fraseoloxismos.
☛ Realización dun vídeo co traballo realizado.