domingo, 2 de xuño de 2019

Escolma de fraseoloxismos en galego sobre o tempo meteorolóxico


Escolma de fraseoloxismos en galego sobre o tempo meteorolóxico

⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ 
CALOR
afogar de calor 
asarse coma un carneiro ao espeto
derreterse as pedras
Significado: Ir moita calor; quentar moito o sol; queimar.

—Ponteareas éche o que ten: de inverno morres de frío e no verán afogas de calor.
—A verdade é que nos asamos coma un carneiro ao espeto, pero temos o río cerca para refrescarnos.
—Aí falaches. Non hai mellor remedio nos días en que ata as pedras se derreten.

mornear ao sol coma un gato
Significado: Aproveitar os raios e a calor do sol.
A min o que me presta, cando saen as primeiras raiolas, é mornear ao sol coma un gato. 

⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎

CHOVER POUCO 
chover tanto coma a mexeira dun gato
chover tanto coma a mexeira dun can 
—Non quedes na casa, que esta non é auga. Se chove tanto coma a mexeira dun can! 

CHOVER MOITO 
caer chuzos (de punta)
chover a chuzos 
chover a caldeiros
Significado: Chover abundante e intensamente, con forza e moito seguido, arroiar, diluviar: 

—Miña nai! Ímonos abrigar, que caen chuzos de punta!
—Este tempo non hai quen o entenda. Chove a caldeiros e nós sen paraugas.

MOLLARSE 
pórse coma un pito
Significado: Enchouparse, mollarse moito.
E vas saír así, sen paraugas…? Vaste poñer coma un pito!
—Tranquilo, que de min escapa ata a chuvia.

⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎

SARABIAR 
caer pedras coma puños 
Significado: Cae sarabia, pedras, de grandes dimensións 
—Quen o diría? Nós tan tranquiliños e de repente empezan a caer pedras coma puños. 

NEVAR 
caer farrapos 
—Na nosa vila case nunca neva, pero acórdome dun día que caían farrapos grandes coma pexegos. 

⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎

FRÍO 
bater dente con dente 
ter carne de galiña
vai un frío que non paran nin os cans atados!
Significado: Sentir moito frío, tremer co frío.
—Marchou o sol, nós de manga curta, empezou a enfriar e non parabamos de bater dente con dente.
—A min púxoseme a carne de galiña. 
—Ía un frío que non paraban nin os cans atados!

⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎

VENTO 
zoar o vento coma un lobo 
Significado: Ir moito vento, con moito ruído.
Non puiden pegar ollo en toda a noite. Zoaba o vento coma un lobo. Metía medo! 

⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎

ESCAMPAR 
abrir unha raiola
levantar o tempo
Significado: Deixar de chover, verse o sol.
—Despois de tanta chuvia parece que quere levantar o tempo.
—Si. Aproveitemos que abriu unha raiola para xogar un partidiño

⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎ ⚫︎
REFRÁNS

◼︎ A mal tempo, boa cara 
Perante as dificultades meteorolóxicas hai que ter boa disposición. Que chova na túa festa de aniversario é triste pero xa se sabe que a mal tempo, boa cara. 

◼︎ Tempo e fartura, logo se muda 
O tempo, como a vida e a súa fortuna, poden mudar e alterarse de maneira imprevista e sorprendente: Vou levar un xersei e un paraugas, que se cadra aínda arrefría e se pon a chover. Como di o refrán: tempo e fartura, logo se muda. 

◼︎ A todo porquiño lle chega o seu San Martiño 
A altura do San Martiño (11 de novembro), os días fríos, pero con sol, son propicios para celebrar magostos e facer a matanza do porco. Este refrán tamén se aplica a unha persoa que despois de facer un mal ten o seu castigo no momento da morte. 

◼︎ Ceo morado, chan mollado.
◼︎ Norte escuro, vendaval seguro.
◼︎ Inverno chuvioso, verán caloroso.
◼︎ Arco da vella anoitecendo, bo tempo amencendo.

◼︎ Ceo mellado, tres días mollado.

Seguidores

Buscar neste blog