martes, 28 de xaneiro de 2020

RECREACIÓN DE FENÓMENOS METEOROLÓXICOS NO LABORATORIO

Estes experimentos foron levados a cabo na materia de afondamento científico: Recreáronse un tornado, a formación de nubes e a forza exercida pola presión atmosférica. TORNADO NUNHA BOTELLA Con este experimento podemos observar como a presión do aire exerce forza sobre a auga. Ao darlle movemento de rotación á botella, o aire diríxese cara ao eixo central desta, facendo que aire e auga pasen á vez polos tapóns perforados e, como consecuencia, a botella baléirase máis rápido.
NUBE EMBOTELLADA Neste experimento observamos a formación dunha nube no interior dunha botella de cristal. Este proceso prodúcese grazas a que a botella contiña alcol etílico e auga, sustancias con diferente punto de ebullición. Mediante un compresor elevamos a presión dentro da botella ata o momento no que a rolla salta pola presión que exercida polo aire no interior da mesma. Nese instante a variación de presión fai que o alcol se vaporice creando unha nube. Este proceso de variación de presión é o que se observa na atmosfera cos diferentes tipos de nubes (cúmulos, cirros, cumulonimbos, cirroestratos, etc.)
IMPLOSIÓN Unha implosión orixínase cando un corpo oco, como unha lata, sufre unha gran variación de presión. Neste caso empregamos unha lata de refresco que colocamos sobre o lume. Isto provoca que o aire que hai no interior se quente sendo necesario un menor número de partículas para ocupar o mesmo volume. A continuación introducimos a lata en auga fría facendo que o aire do interior descenda repentinamente de volume, co cal dimunúe tamén a presión no interior. Como a lata polo exterior está sometida a presión atmosférica que é maior que a presión no interior da lata, prodúcese o aplastamento da lata no centro, onde é mais débil. Estes cambios de presión obsérvanse diariamente na atmósfera, permitindo o movemento do aire e desprazando anticiclóns (altas presións) e borrascas (baixas presións).

Seguidores

Buscar neste blog